xoves, 12 de febreiro de 2026

“O NENO CAN”

 

Xa fai uns días que comezamos a nosa segunda lectura do curso: “O neno Can”, de Fina Casalderrey e Francisco Castro.


Co obxectivo de reflexionar sobre os dereitos da infancia, levamos a cabo diferentes Retos de Lectura: inventar títulos, debuxar emojis, dar consellos, empregar a mímica… Mirade!







xoves, 29 de xaneiro de 2026

María Canosa, temos moitas preguntas para ti!

 

Na última sesión do Club de Lectura, e en relación co final de “As pombas de Bastián”, xurdíronnnos moitas dúbidas.

Quen é realmente Bastián? Foi todo un soño de Minia? Por que a autora escolleu estes nomes para eles?

Como non podíamos quedarnos coa intriga, decidimos gravar un vídeo con todas as nosas preguntas a María Canosa. Credes que obteremos resposta? Manterémosvos informados!

PREGUNTAS PARA MARÍA CANOSA - CLUB DE LECTURA

xoves, 22 de xaneiro de 2026

Flocos de millo para despedir "As Pombas de Bastián"

 

Comezamos o segundo trimestre poñendo punto e final á lectura de “As pombas de Bastián”. Fixémolo en grupo, compartindo cos compañeiros/as as impresións e reflexións sobre o final desta entrañable historia. Como non podía ser doutra maneira, seguimos a nosa tradición de acompañar esta charla con flocos de millo. Deixámosvos por aquí algunha foto… non é a nosa intención dar envexa! Sentímolo!





Por certo, a nosa opinión sobre o libro quedou escrita nunhas fermosas pombas de papel feitas a man. Con elas decoraremos o noso Club para ter sempre presentes a Minia e a Bastián, e o valor da amizade.





xoves, 18 de decembro de 2025

Un éxito de recollida!

 

O noso traballo de organización dunha Recollida de Alimentos tivo os seus froitos! O pasado martes 16 de decembro pasámonos polos puntos de recollida que creamos nas diferentes aulas e comprobamos con moita alegría a gran colaboración da nosa Comunidade Educativa.

Grazas a todos eles/as e ao esforzo e adicación do alumnado do Club de Lectura este Nadal poderá ser máis feliz e especial para moitas familias da nosa contorna.


Finalizamos este trimestre cun gran sorriso! Boas vacacións!





 


xoves, 11 de decembro de 2025

Recollida de alimentos

 Continuamos a aprender coa nosa primeira lectura do curso, “As Pombas de Bastián”. Unha das principais temáticas deste libro é a POBREZA, ilustrada a través da vida de Bastián, un vagabundo que só atopa axuda e unha mirada amiga en Minia, unha nena pequena.

Posto que este ano estamos a traballar no noso PDI de centro os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, tivemos a idea de poñer o noso granciño de area para contribuir á “Erradicación da pobreza” e lograr a “Fame Cero”.

Inspirándonos na historia tan fermosa que estamos a ler, decidimos organizar no centro unha Recollida de Alimentos en colaboración coa Asociación Cáritas de Cee.

Posto que somos moitas mans a axudar, dividímonos as tarefas, que non foron poucas.

 

O Grupo 1 encargouse de elaborar o cartel informativo sobre a recollida. Tras moito esfrozo, este foi o resultado:




Unha vez elaborado o cartel, o Grupo 2 enfrontouse a outra gran misión: anunciar polas aulas a proposta, creando en cada unha delas un punto de recollida de alimentos. Superaron o reto con éxito, compartimos a proba:

           


xoves, 20 de novembro de 2025

Canto contan os PREXUÍZOS?

 Xa estamos inmersos na historia de Minia e Bastián. A gran e nada habitual amizade entre unha nena e un vagabundo estanos a dar moito que pensar. Tras reflexionar conxuntamente sobre os primeiros capítulos de “As pombas de Bastián”, puxémonos na pel da súa protagonista.  Así, tal e como Minia observa desde a súa fiestra ao seu futuro amigo, imaxinando como pode ser a súa vida… nós fixemos o mesmo.

Observamos a diferentes persoas, intentando adiviñar a que se dedican, os seus gustos, estados de ánimo… e démonos conta de que coincidimos en moitas opinións. Como pode ser? Que nos levou a pensar desa maneira? En que detalles centramos a nosa atención para dar as nosas opinións?

Tras un gran debate, descubrimos a verdadeira identidade dos personaxes do noso xogo e a comparamos coas nosas hipóteses.

Resultados: algún acerto pero a maioría da información dista moito da realidade. Isto levounos a reflexionar sobre os nosos PREXUÍZOS e o presentes que están no noso día a día.

Deixamos a continuación imaxes desta sesión cos dous grupos de traballo. 











xoves, 6 de novembro de 2025

PAPALIBROS 2025-2026

Hoxe, xoves 6 de novembro, damos inicio a unha nova aventura do Club de Lectura “Papalibros”. Este curso escolar contamos con 14 alumnos e alumnas dispostos a “soñar cos ollos abertos” e compartir tan máxica experiencia cos seus compañeiros/as un ratiño á semana.

O noso primeiro encontro dou moito de si!

Comezamos coñecendo e asinando as normas do Club, pois estamos a adquirir un compromiso que requerirá de amosar responsabilidade ao longo do curso.

Posteriormente abordamos a organización das sesións, saíndo escollido democráticamente como día de reunión o XOVES. Aproveitamos a ocasión para dividirnos en dous grupos de traballo e finalizamos cunha gran escolla “a cegas”: a nosa primeira lectura do curso, moi relacionada con noso PDI de centro sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

María Canosa e a súa obra “As pombas de Bastián” acompañaránnos durante este primer trimestre. Estamos desexando comezar!