Amosando publicacións coa etiqueta mural. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mural. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2026

Estamos de mudanza!

 

Sí, tal e como adiantamos no título desta entrada, o Club de Lectura cambia de aula. O noso novo fogar é moito máis pequeno e acolledor e nos aporta a tranquilidade necesaria para desconectar do mundo gozando coa lectura.

Para comezar a personalizar este novo espazo nada mellor que decoralo en relación a “O neno can”. Así, puxémonos en contacto coa muralista Laura Suárez e encargámoslle un mural para a nosa aula cunha temática clara: a infancia e os seus dereitos.

As nosas ideas e o seu talento e creatividade deron como resultado esta marabilla:








Moitas grazas, Laura! Un pracer coñecerte e gozar da túa arte!


xoves, 22 de xaneiro de 2026

Flocos de millo para despedir "As Pombas de Bastián"

 

Comezamos o segundo trimestre poñendo punto e final á lectura de “As pombas de Bastián”. Fixémolo en grupo, compartindo cos compañeiros/as as impresións e reflexións sobre o final desta entrañable historia. Como non podía ser doutra maneira, seguimos a nosa tradición de acompañar esta charla con flocos de millo. Deixámosvos por aquí algunha foto… non é a nosa intención dar envexa! Sentímolo!





Por certo, a nosa opinión sobre o libro quedou escrita nunhas fermosas pombas de papel feitas a man. Con elas decoraremos o noso Club para ter sempre presentes a Minia e a Bastián, e o valor da amizade.





mércores, 14 de febreiro de 2024

Mans á obra!

 

Nas sesións número 6, 7, 8 e 9 puxémonos mans á obra na elaboración dun mural que recollese o traballo feito ata agora. Para iso, comezamos deixando por escrito a nosa valoración persoal sobre a lectura deste trimestre e creando, con ela, un pequeno libriño. A continuación, debuxamos unha árbore xenealóxica onde deixamos recollidos os parentescos da familia dos Barbanzóns, incluíndo os debuxos elaborados na segunda sesión.

Iso sí… o traballo levouse moito mellor con flocos de millo! Xuntamos probas!

Velaquí todo o proceso:







Moi pronto compartiremos o resultado final… estade atentos/as!