martes, 10 de decembro de 2024

Calpurnia

Xa temos escollida a primeira lectura do curso: CALPURNIA.


Un cómic ilustrado por Daphné Collignon que encaixa á perfección coa


temática do noso Proxecto Documental Integrado de centro, “Cos pés na terra". 




Nesta historia acompañamos a Calpurnia, unha nena de 11 anos


que amosa moita curiosidade polo mundo animal e vexetal e desexa


convertirse en naturalista, seguindo o exemplo do seu avó.






Tras enfrascarnos nesta apaixonante lectura e compartir as nosas reflexións


cos compañeiros/as poñemos en marcha o noso seguinte reto: elaborar un


Pasapalabra baseado na temática do libro.



Por onde comezamos? En parellas, sorteamos e distribuímos as letras do


abecedario para redactar a definición de tres palabras que comecen por


cada unha delas.







martes, 12 de novembro de 2024

LEONAS E PUCHAINAS LECTORAS



 Como non podía ser doutro xeito, comezamos lendo e deixando claras as normas do Club de Lectura, imprescindibles para poder desenvolver as diferentes propostas e actividades de maneira axeitada.








Unha vez comprometidos/as con elas, 


damos paso á primeira tarefa grupal:


escoller un nome e unha imaxe que identifique a cada grupo.



Estes foron os maravillosos resultados:

















martes, 5 de novembro de 2024

Estamos de volta!

 Tras recargar pilas durante o verán e superar o inicio de curso, o Club de Lectura “Papalibros” inicia unha nova andaina.


Esta vez sumáronse á aventura 16 alumnos/as de 5º e 6º EP,


polo que nos tivemos que organizar en dous grupiños de oito.



Os martes de 14:00 a 14:30 hs quedan reservados 


para gozar descubrindo e compartindo novos mundos.




Estamos desexando comezar a nosa primeira lectura!







mércores, 19 de xuño de 2024

Despedida no Castro de Montes Claros!

 

Este xoves 20 de xuño o alumnado do Club de Lectura realizou unha saída ao Castro de Montes Claros, situado na Laracha. Tras somerxernos de cheo no Castro de Baroña cos Barbanzóns ou seguir as aventuras de Venres e os seus compañeiros/as para rescatar o Torque de Burela, chegou o momento de experimentar en primeira persoa a vida castrexa. Isto foi posible grazas a Puri Soto, arqueóloga e xefa das excavacións en Montes Claros, quen nos guiou nesta visita descubríndonos os segredos mellor gardados dos nosos devanceiros.

Aínda que o tempo non acompañou, gozamos moito despedíndonos do Club de Lectura ata o vindeiro curso!










xoves, 30 de maio de 2024

Velaquí o noso AUDIOCONTO!

 

Por fin! Tras meses de traballo, esforzo, implicación, gravacións na radio, elaboración de guións, ilustracións, debates… e algunha que outra lambonada… xa podemos compartir con vós o noso audioconto ilustrado.

Desexamos que vos guste tanto como a nós!



 

xoves, 4 de abril de 2024

Dinámicas lectoras

 

Esta semana no Club de Lectura fixemos unha breve parada nas nosas sesións de debuxo e de radio. Reunímonos na aula de Infantil, no espazo da asemblea, para realizar pequenas dinámicas grupais que nos axuden a mellorar a nosa fluidez lectora á vez que recordamos o que levamos avanzado na nosa lectura deste segundo e terceiro trimestre. De xeito lúdico traballamos a pronunciación, entoación, ritmo e mesmo a comprensión poñéndonos na pel dos diferentes personaxes do noso libro. 

Unha sesión diferente mais moi necesaria!








xoves, 21 de marzo de 2024

Muíños nas ondas

 

Tras tres sesións traballando no guión do noso audioconto, xa comezamos as visitas á radio do cole, “Muíños nas ondas”, para iniciar as gravacións dos primeiros capítulos de “O misterio do Torque de Burela”.

Xuntamos as probas do moito que nos gusta… e máis se o acompañamos de bombóns!





xoves, 7 de marzo de 2024

O MISTERIO DO TORQUE DE BURELA

 

No Club de Lectura “Papalibros” xa estamos a gozar dun novo libro: “O misterio do torque de Burela”, de Antía Yáñez.

Esta vez o noso obxectivo é realizar un audioconto, ilustrado polos propios nenos e nenas. Para conseguilo estamos a avanzar coa lectura na casa e aproveitamos as sesións presenciais para compartir as nosas impresións, facer unha síntese de cada capítulo e debuxar aqueles momentos máis destacados, construíndo así a nosa propia versión desta fermosa e intrigante historia.




xoves, 15 de febreiro de 2024

MURAL FINAL

 Rematamos o noso traballo co cómic "Baroña ou morte" realizando un mural final no que recompilamos as diferentes tarefas feitas ao longo deste primeiro trimestre. 

Tras varias sesións de labor, por fin podemos mostrarvos o resultado final. 


mércores, 14 de febreiro de 2024

Mans á obra!

 

Nas sesións número 6, 7, 8 e 9 puxémonos mans á obra na elaboración dun mural que recollese o traballo feito ata agora. Para iso, comezamos deixando por escrito a nosa valoración persoal sobre a lectura deste trimestre e creando, con ela, un pequeno libriño. A continuación, debuxamos unha árbore xenealóxica onde deixamos recollidos os parentescos da familia dos Barbanzóns, incluíndo os debuxos elaborados na segunda sesión.

Iso sí… o traballo levouse moito mellor con flocos de millo! Xuntamos probas!

Velaquí todo o proceso:







Moi pronto compartiremos o resultado final… estade atentos/as!

xoves, 18 de xaneiro de 2024

Lectura en grupo

 

A terceira, cuarta e quinta sesión do Club de Lectura dedicámolas á lectura en voz alta do noso cómic. Así, coñecer o día a día dunha familia no Castro de Baroña permitiunos debater e comentar aspectos tan importantes como o papel da muller ou comparar a vida castrexa coa actual.