Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2026

Unha doce despedida

 

E case sen decatarnos chegou a última sesión do Club de Lectura Papalibros. Tras tres lecturas, moitas charlas, obradoiros, flocos de millos, pasapalabras e recollidas de alimentos, poñemos punto e final as nosas xuntanzas neste curso 2025-2026.

Como ides comprobar nas fotos, o noso último encontro non nos deixou mal sabor de boca… todo o contrario! Gozamos dunha merendiña, ben merecida, por certo, mentres limos as respostas que María Canosa dou ás nosas preguntas.







Vémonos o curso que vén! Pasade bo verán e recargade pilas!

mércores, 19 de xuño de 2024

Despedida no Castro de Montes Claros!

 

Este xoves 20 de xuño o alumnado do Club de Lectura realizou unha saída ao Castro de Montes Claros, situado na Laracha. Tras somerxernos de cheo no Castro de Baroña cos Barbanzóns ou seguir as aventuras de Venres e os seus compañeiros/as para rescatar o Torque de Burela, chegou o momento de experimentar en primeira persoa a vida castrexa. Isto foi posible grazas a Puri Soto, arqueóloga e xefa das excavacións en Montes Claros, quen nos guiou nesta visita descubríndonos os segredos mellor gardados dos nosos devanceiros.

Aínda que o tempo non acompañou, gozamos moito despedíndonos do Club de Lectura ata o vindeiro curso!










xoves, 30 de maio de 2024

Velaquí o noso AUDIOCONTO!

 

Por fin! Tras meses de traballo, esforzo, implicación, gravacións na radio, elaboración de guións, ilustracións, debates… e algunha que outra lambonada… xa podemos compartir con vós o noso audioconto ilustrado.

Desexamos que vos guste tanto como a nós!



 

xoves, 4 de abril de 2024

Dinámicas lectoras

 

Esta semana no Club de Lectura fixemos unha breve parada nas nosas sesións de debuxo e de radio. Reunímonos na aula de Infantil, no espazo da asemblea, para realizar pequenas dinámicas grupais que nos axuden a mellorar a nosa fluidez lectora á vez que recordamos o que levamos avanzado na nosa lectura deste segundo e terceiro trimestre. De xeito lúdico traballamos a pronunciación, entoación, ritmo e mesmo a comprensión poñéndonos na pel dos diferentes personaxes do noso libro. 

Unha sesión diferente mais moi necesaria!








xoves, 21 de marzo de 2024

Muíños nas ondas

 

Tras tres sesións traballando no guión do noso audioconto, xa comezamos as visitas á radio do cole, “Muíños nas ondas”, para iniciar as gravacións dos primeiros capítulos de “O misterio do Torque de Burela”.

Xuntamos as probas do moito que nos gusta… e máis se o acompañamos de bombóns!





xoves, 7 de marzo de 2024

O MISTERIO DO TORQUE DE BURELA

 

No Club de Lectura “Papalibros” xa estamos a gozar dun novo libro: “O misterio do torque de Burela”, de Antía Yáñez.

Esta vez o noso obxectivo é realizar un audioconto, ilustrado polos propios nenos e nenas. Para conseguilo estamos a avanzar coa lectura na casa e aproveitamos as sesións presenciais para compartir as nosas impresións, facer unha síntese de cada capítulo e debuxar aqueles momentos máis destacados, construíndo así a nosa propia versión desta fermosa e intrigante historia.




mércores, 14 de febreiro de 2024

Mans á obra!

 

Nas sesións número 6, 7, 8 e 9 puxémonos mans á obra na elaboración dun mural que recollese o traballo feito ata agora. Para iso, comezamos deixando por escrito a nosa valoración persoal sobre a lectura deste trimestre e creando, con ela, un pequeno libriño. A continuación, debuxamos unha árbore xenealóxica onde deixamos recollidos os parentescos da familia dos Barbanzóns, incluíndo os debuxos elaborados na segunda sesión.

Iso sí… o traballo levouse moito mellor con flocos de millo! Xuntamos probas!

Velaquí todo o proceso:







Moi pronto compartiremos o resultado final… estade atentos/as!

xoves, 18 de xaneiro de 2024

Lectura en grupo

 

A terceira, cuarta e quinta sesión do Club de Lectura dedicámolas á lectura en voz alta do noso cómic. Así, coñecer o día a día dunha familia no Castro de Baroña permitiunos debater e comentar aspectos tan importantes como o papel da muller ou comparar a vida castrexa coa actual.







xoves, 14 de decembro de 2023

Os Barbanzóns

 


Nas dúas primeiras sesións do Club de Lectura deixamos voar a nosa imaxinación e creatividade. A nosa atención centrouse en debuxar aos principais personaxes de “Baroña ou Morte” partindo, unicamente, dunha breve descrición da súa personalidade.

Así quedaron as nosas creacións:










xoves, 30 de novembro de 2023

BAROÑA OU MORTE

 

O Club de Lectura “Papalibros” comezou a súa andaina neste curso 2023-2024 co libro “Baroña ou Morte”, de Pepe Carreiro. A través deste cómic os nenos/as están a achegarse á Banda Deseñada, un dos obxectivos das Bibliotecas Escolares para o presente ano académico, á vez que se somerxen no mundo castrexo da man da familia dos Barbanzóns, desenvolvendo así o Proxecto Documental Integrado do centro, “Confín dos verdes castros”.




xoves, 25 de maio de 2023

Avanzando na lectura...

Aquí estamos na semana do 22 ao 26 de maio, avanzando e compartindo a lectura "A praia da esperanza" de Agustín Fernández Paz. 

GRUPOS DE 5º E.P.




martes, 21 de xuño de 2022

Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta"

 A ilustradora Laura Suárez, enviounos como agasallo, un exemplar de "MONTE PINDO. HISTORIAS E LENDAS DO OLIMPO CELTA" e un vídeo da presentación do seu libro.

       

As coordinadoras do club fixemos un compra de 7 exemplares para a biblioteca. 

O martes, 21 de xuño o alumnado do club fixo unha lectura colectiva.